Onte mércores publicáronse no grupo de WhatsApp os cadros de enfrontamentos provisionais da primeira volta da Liga 2019/20. Xa houbo que corrixir un par de erratas e polo visto o resto está ben.
Os requirimentos para o sorteo son:
- Dous grupos de 13 equipos.
- En cada grupo cada equipo ten un só local.
- Hai varios locais que teñen dous equipos, un en cada grupo. Nestes casos, cando un equipo xoga na casa, o outro debe de xogar fóra.
- A segunda volta segue a mesma orde de partidas, agás que o que na primeira xogou fóra na segunda xoga na casa e se xogou na casa, agora xogará fóra.
A idea é minimizar as partidas consecutivas fóra da casa. Así e todo, ao haber tantos locais con dous equipos, pode darse o caso de que algúns deles xoguen ata tres partidas fóra da casa. Creo que conseguimos que isto só afecte aos equipos que comparten local. É importante este asunto porque en algún caso pode darse que un equipo xogue tres partidas fóra da casa seguidas pero que lle coincida o descanso no medio, pasando a ser 4 semanas ata que volve a xogar na casa. Un caso claro no que sucede isto é no do Nicole A, que xoga fóra o día 25 de novembro, descansa na seguinte xornada, volve a xogar a última partida da primeira volta fóra, e a seguinte correspóndelle tamén fóra, xa que é a primeira xornada xogou na casa e entón tocaralle fóra.
Por suposto, o Nicole B nesas datas xogará na casa (descansará na mesma data que o A).
Ao final, todos os equipos xogarán o mesmo número de partidas na casa ou fóra. Coido que os obxectivos propostos están razoablemente cubertos. A idea é que de aceptarse o calendario proposto mañá pola tarde se publiquen xa na web.
Sorte a todos os equipos!