Sorteo do campionato

Onte mércores publicáronse no grupo de WhatsApp os cadros de enfrontamentos provisionais da primeira volta da Liga 2019/20. Xa houbo que corrixir un par de erratas e polo visto o resto está ben.

Os requirimentos para o sorteo son:

  1. Dous grupos de 13 equipos.
  2. En cada grupo cada equipo ten un só local.
  3. Hai varios locais que teñen dous equipos, un en cada grupo. Nestes casos, cando un equipo xoga na casa, o outro debe de xogar fóra.
  4. A segunda volta segue a mesma orde de partidas, agás que o que na primeira xogou fóra na segunda xoga na casa e se xogou na casa, agora xogará fóra.

A idea é minimizar as partidas consecutivas fóra da casa. Así e todo, ao haber tantos locais con dous equipos, pode darse o caso de que algúns deles xoguen ata tres partidas fóra da casa. Creo que conseguimos que isto só afecte aos equipos que comparten local. É importante este asunto porque en algún caso pode darse que un equipo xogue tres partidas fóra da casa seguidas pero que lle coincida o descanso no medio, pasando a ser 4 semanas ata que volve a xogar na casa. Un caso claro no que sucede isto é no do Nicole A, que xoga fóra o día 25 de novembro, descansa na seguinte xornada, volve a xogar a última partida da primeira volta fóra, e a seguinte correspóndelle tamén fóra, xa que é a primeira xornada xogou na casa e entón tocaralle fóra.

Por suposto, o Nicole B nesas datas xogará na casa (descansará na mesma data que o A).

Ao final, todos os equipos xogarán o mesmo número de partidas na casa ou fóra. Coido que os obxectivos propostos están razoablemente cubertos. A idea é que de aceptarse o calendario proposto mañá pola tarde se publiquen xa na web.

Sorte a todos os equipos!